Sobre nós

A inicitativa Twitch en Galego naceu en agosto do ano 2020 como unha conta de Twitter para dar a coñecer ás distintas canles que emitían en Twitch en Galego, xa que a plataforma non permitía, e segue sen facelo, etiquetar os directos co idioma galego, polo que non existía unha forma sinxela de localizar aquelas persoas que emiten no noso idioma.

Coa conta de Twitter xa en funcionamento, no mes de setembro, seguindo os pasos que tempo atrás realizara a comunidade catalana, a canle Enxebre Gamer inicia a solicitude a Twitch para que inclúa o galego como opción entre os idioma de emisión da plataforma. Dende ese momento a solicitude, pola que seguimos traballando, sitúase entre os piares do traballo diario da iniciativa.

Na actualidade Twitch en Galego segue promocionando e creando comunidade a través de diferentes medios, como a nosa propia canle de Twitch e:

Redes Sociais

Twitter – É a rede onde somos máis activ@s, avisamos cada vez que alguén inicia un directo e compartimos as publicacións máis interesantes das canles que emiten en galego.

Facebook – Hai que estar en Facebook verdade? Pois estamos e avisamos cada vez que alguén inicia un directo, pero non vos imos mentir, non é onde nos podedes atopar máis activos.

Instagram – Unha imaxe vale máis que mil palabras, así que cada mañá nunha soa imaxe mostramos todos os directos do día. Os que están non son todos, pero todos os que están son. E proximamente máis novidades…

Servidor de Discord

Se che interesa participar máis en profundidade da comunidade de Twitch en Galego temos un servidor de Discord onde poderás atopar, entre outras cousas:

  • A axenda, con información dos vindeiros directos da semana.
  • Clips, onde colgar e ver os clips máis destacados.
  • O noso bot de discord, con información en tempo real de todas as retransmisións.
  • Avisos das canles de youtube cada vez que suben un novo vídeo.
  • Podcasts, en concreto unha canle cos avisos de todos os podcast de Podgalego, a comunidade de podcast en galego.
  • Links ao outros servidores da comunidade, e moito máis.

Bot de Discord

E se o que queres é levarte Twitch en Galego a calquera parte podes facelo co noso bot de Discord, un pequeno automatismo programado por Fedello da canle Clankirfed que permite instalalo en calquera servidor de Discord do mundo e estar ao tanto do que se emite en galego en Twitch. O bot actualízase todos os días coas novas canles que imos incluíndo e nunca se perde un directo ;).